top of page

O proxecto

 

 

 

Guía virtual de Maruja Mallo é a miña versión/visión a principios do século XXI dunha obra que con claridade se enmarca dentro da linguaxe artística de primeiros do século XX. Maruja Mallo recorre ao collage para amosar a súa visión de Lugo, unha visión moderna para o seu tempo e modernizante. Ao tempo, o seu collage é un collage mediado pola mirada da artista ou mellor, no seu caso, pola súa “man”, o seu saber técnico e artístico. En 2014 unha guía “postal” ten por necesidade que se converter nunha guía dixital. Tomando como referencia a ubicación xeográfica en 2014 resulta inevitable  recorrer a Google Maps e ao seu moi fascinante “Street View” que permite ao internauta visitar lugares a priori pouco turísticos e re-fotografalos escollendo o seu encadre, situación e punto de vista. Con esta idea busquei “Maruja Mallo” no Google Maps para atopar todas as rúas que levan o seu nome. Atopei oito: unha no concello de Arteixo, outra en Santiago de Compostela, outra en Carballo unha praza en Vigo e, xa fora de Galicia, en Madrid, Guadalajara, Almería e Alcázar de San Juan de. Fun de visita virtual a cada unha desas rúas e dentro delas escollín o encadre e o punto de vista coas limitacións lóxicas da aplicación. Dentro da aleatoriedade do itinerario marcado polo rueiro quería que a miña fose unha mirada mediada no que ao meu entender constitúe unha emulación do modus operandi de Maruja Mallo pero na linguaxe dun século posterior ao seu. As imaxes deste itinerario virtual se presentan a modo de collage, buscando certa continuidade visual pero sen forzala coa pretensión de provocar o diálogo por parte do espectador da obra, que facía a Guía Postal de Lugo de Maruja Mallo no seu tempo. A diferenza do seu, esteticamente desordenado, o meu collage busca a racionalidade e a orde que permite a tecnoloxía que eu teño á miña disposición: a proposta estética é por tanto case oposta partido desde un punto semellante.

 

bottom of page